Vázquez agarda que a Vía Verde do Salnés sexa unha realidade antes do verán

PORTAS> Representantes dos concellos polos que transcorrerá a Vía Verde de O Salnés mantiveron unha reunión coa nova Conselleira de Medio Ambiente para analizar este proxecto. Dende a Consellería afirman que colaborarán na posta en marcha da que será a primeira Vía Verde Ferroviaria de Galicia, que unirá os concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.

A Xunta de Galicia colaborará na posta en marcha da que será a primeira Vía Verde Ferroviaria de Galicia e que unirá os concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. Así o trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos tres rexedores municipais polos que transcorrerá esta senda e cos que mantivo unha reunión de traballo, para coñecer os detalles.

Vázquez manifestou que se trata dunha iniciativa que asentará unha nova alternativa de ocio sustentable e de turismo de natureza nestes tres concellos da Comarca do Salnés.

Durante a xuntanza, indicou que unha garantía para sacar adiante esta iniciativa pasa pola sinatura dun convenio de colaboración, na que se establezan os termos nos que se executa este proxecto, no que tamén poden colaborar outras administracións interesadas, como a Deputación Provincial de Pontevedra, que xa ten manifestado publicamente o seu interese de contribuír neste proxecto. Por último, a conselleira de Medio Ambiente trasladou a vontade da Xunta para asinar na maior brevidade posible o convenio de colaboración, co fin de facer realidade este novo reclamo turístico e medio ambiental para a zona do Salnés.