“Invisibles” pon en escena a loita contra as violencias machistas

PONTEVEDRA> A Campaña organizada polo Concello para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero, arrinca o día 15 coa estrea da obra teatral “Invisibles”. Ademais incluirá unha mostra fotográfica, o despregue de cartelería por toda a cidade e a presentación dun informe sobre a campaña #PrimAcoso.

As actrices Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez, baixo a dirección de Marián Bañobre, porán voz as protagonistas dos relatos recollidos no libro de Montse Fajardo.

Esta mesma mañá, tivo lugar un pase ó que asistiron as protagonistas reais do libro.

Con esta posta en escena preténdese visibilizar un problema universal dende o concreto de casos particulares.

Ademais da obra teatral, a campaña contará cunha exposición fotográfica dos resultados do obradoiro de fotografía e autoimaxe “Namórate de ti”, que estará na Casa da Luz do 15  ó 25 de novembro.

Tamén se realizará unha campaña de cartelería, comezando polo despregue no balcón da Casa Consistorial o 19 de novembro. Centrarase na figura dos máis pequenos coma vítimas de malos tratos e a súa obrigada relación co pai maltratador.

Por último, na  derradeira semana de novembro presentarase o informe que recolle as conclusións da campaña #PrimAcoso desenvolvida no ano 2016, na que as mulleres denunciaron a través de twitter a súa primeira experiencia de acoso.

Nesta campaña recolléronse máis de 3000 tuits e 1000 mensaxes en Facebook, material que serviu para a elaboración dun documento, coordinado pola profesora María Lameiras.