Curtas Armadiña 2018, unha semana audiovisual en Poio

PONTEVEDRA> O Festival Curtas Armadiña celebra a súa cuarta edición ó longo da vindeira semana. Entre o 12 e o 18 de novembro o Casal de Ferreirós e o centro cultural Xaime Illa acollerán proxeccións, obradoiros e outras actividades, cun espazo destacado para as mulleres do audiovisual galego.

Curtas Armadiña 2018 arrincará o luns, 12 de novembro cun dos obradoiros dirixidos tanto a profesionais coma a persoas interesadas no audiovisual. Será no Centro Cultural Xaime Illa entre as 19:00 e as 21:00 horas. Este primeiro obradoiro, dirixido por Pablo Cacheda, tratará sobre “realizar e dirixir na época das redes”. O martes e o mércores celebraranse no mesmo lugar e á mesma hora os obradoiros “iluminación para o audiovisual”, dirixido por Xosé Aragunde, e “1,2,3, 1,2,3 e acción”, conducido por María Roja.

As proxeccións oficiais comezarán o venres ás 19:30. Presentáronse ó certame 900 pezas audiovisuais procedentes de España e Portugal.

Nesta edición terán un papel destacado as mulleres do audiovisual galego, co espazo “Cinema e muller” que acollerá proxeccións e coloquio o sábado 17 ás 11:30 horas no Casal de Ferreirós.

Tamén en Ferreirós se fará a proxección de “Prexuízos”, ás 7 da tarde do xoves día 15, con coloquio posterior, para promover a integración de persoas con discapacidade intelectual.

A música non pode faltar neste festival,  cunha sección adicada a videoclips.  O cinema da localidade terá presenza a través da proxección de obras rodadas por autores locais ou en espazos do concello.

Como novidade este ano, colaborarase coa Asociación CREA, que outorgará un premio ó mellor director e celebrará o domingo 18 un coloquio con directores e realizadores galegos.

O certame pecharase o domingo cunha gala, na que se entregará, ademais dos galardóns ás curtas premiadas, a distinción especial a Eva Fernández.

Para achegar as actividades do festival ó público xeral terá lugar mañá unha presentación no Xaime Illa ás oito da tarde, na que se proxectarán as curtas gañadoras da edición anterior.