A abstención de Marea facilitará a aprobación dos orzamentos municipais

PONTEVEDRA> O goberno local poderá aprobar os orzamentos do 2019 sen problema. Tras a entrega do borrador esta mañá ós distintos grupos da corporación, o voceiro de Marea anuncio que se absterán na votación, polo que se poderían sacar adiante as contas para o vindeiro ano cos doce votos do BNG.

Esta mañá o goberno municipal entregou o borrador dos orzamentos para o 2019 ó resto dos grupos da corporación. Tras a reunión, o voceiro de Marea anunciou que repetirán a postura dos anos anteriores de absterse na votación, xa que o documento é practicamente un calco dos anteriores.

Segundo Luís Rei as verdadeiras contas negociaranse a partir de maio, unha vez pasadas as eleccións municipais.

Esta negociación será necesaria, segundo Marea, polo incumprimento dos orzamentos anteriores por parte do concello.

O resto das forzas políticas tamén anunciaron as súas posturas. Cidadáns non se sentará a negociar porque os consideran unha copia de orzamentos anteriores e opinan que están fóra da realidade. O PP considéraos decepcionantes e o PSOE di que non hai lugar para o diálogo mentres non se cumpran compromisos acadados anteriormente.

O orzamento para o 2019 ascende a algo máis de 76 millóns de euros, e susténtanse, segundo anunciou o voceiro do goberno local, en dúas patas: a social e os investimentos.

No ámbito social destacou as partidas destinadas a promoción económica, políticas de igualdade e o Servizo de Axudas no Fogar.

No capítulo de investimentos salientou a reforma de Loureiro Crespo, a construción do novo pavillón da Parda e as actuacións en Mollavao.

Tamén se consignan partidas para a ponte do Burgo, a reforma da Estación de Autobuses e o novo acceso a Monte Porreiro, así coma a medidas de accesibilidade no rural.

O goberno local agarda que no prazo de 15 días se poida ter xa un documento definitivo que se poida debater no pleno de decembro.