VILAGARCIA> Remataron os traballos da nova senda peonil entre as parroquias de Bamio e Carril, en Vilagarcía. Trátase de medio quilómetro no que tamén se creou un acceso ao cemiterio carrilexo a través dunha pasarela. A xunta investiu nesta obra 330.000 euros. Esta mañá visitaron a zona o alcalde e a conselleira de Infraestruturas. María Martínez Allegue avanzou que se lle vai dar continuidade a este novo itinerario ata o núcleo urbano de Carril.
A nova senda peonil entre as parroquias vilagarciás de Bamio e Carril sitúase na contorna contorna da intersección das estradas PO-548 e PO-192, unha zona de alto volume de tráfico. Ademais do itinerario de medio quilómetro, creouse un acceso ao cemiterio carrilexo cun paso regulado por semáforo e unha senda de madeira.
Neste proxecto a xunta investiu 330.000 euros. O alcalde de Vilagarcía celebra o investimento e o resultado dun proxecto, dixo, moi necesario para a veciñanza da zona.
Aproveitando a visita, a conselleira de infraestruturas avanzou que se dará continuidade á senda ata chegar ao núcleo de Carril. Será en dúas fases, unha a executar este mesmo ano e a outra o ano que vén.
A conselleira lembrou que estas intervencións se suman ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas que permitiu nos últimos anos acadar máis de 21 quilómetros de itinerarios seguros na comarca do Salnés.











