A xuízo os responsables dunha empresa por delito contra a liberdade sindical

PONTEVEDRA> Dous dos responsables da empresa Transegre irán finalmente a xuízo o 22 de novembro por delito contra a liberdade sindical. O proceso contra a compañía comezou no 2016 cando foi denunciada por presuntos delitos contra os dereitos dos traballadores durante as eleccións sindicais no centro de traballo pontevedrés.

O xerente da multinacional catalana Transegre e o responsable do centro de traballo de Campañó, sentaranse no banco do xulgado do Penal número 1 de Pontevedra para responder á acusación de vulneración do dereito sindical presuntamente cometida no 2016. O escrito da fiscalía acúsaos de despedir a dous traballadores que se tiñan presentado coma candidatos nas eleccións sindicais.

A fiscalía engade que se impediu a publicación do censo electoral, se adiantaron as eleccións sen previa comunicación e se impediu a entrada ó centro de traballo dos representantes da CIG. A Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra invalidou o procedemento de eleccións sindicais e expediu unha acta de infracción contra a empresa. O proceso administrativo sancionador correspondente está paralizado á espera da resolución do xuízo previsto.

A fiscalía pide dous anos de prisión e a inhabilitación para o cargo que desempeñaban cando presuntamente cometeron o delito.

Dende a CIG consideran  que este xuízo serve para demostrar que ir en contra dos dereitos dun traballador non lle sae gratis ás empresas.

O sindicato convocou unha concentración ás portas do xulgado da Parda o día de celebración do xuízo.