PONTEVEDRA> Os profesionais sanitarios fan un chamamento a non baixa-la garda ante o proceso de desescalada. Dende a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés fan un chamamento a mante-las medidas de prevención para frea-la transmisión do virus. Só dese xeito, din os expertos, conseguirase que os novos casos se vaian producindo de xeito escalonado.
Os profesionais sanitarios advirten que o proceso de desescalada cara á nova normalidade non pode implicar unha relaxación das medidas para evitar contaxios. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o coordinador de hospitalización durante o Plan de Continxencia da COVID-19 fai un chamamento á concienciación social.
Os contaxios, indica o doutor, van continúar nas vindeiras semanas. Con todo, de respecta-la distancia social e o resto de medidas, produciranse de xeito escalonado.
Co pico da pandemia xa superado, o coordinador asegura que a área sanitaria en ningún momento se viu desbordada, grazas ó confinamento.
Segundo explica, o conxunto de departamentos tivo que adaptarse para facerlle fronte á pandemia. É o caso, por exemplo, da sección de anestesioloxía e reanimación, que coordina a doutora Marina Varela.
Os facultativos aproveitan para agradece-lo apoio da sociedade, non só polos actos simbólicos, como os aplausos das 8, senón tamén por todas aquelas persoas que de xeito desinteresado fabricaron pantallas faciais ou máscaras, mesmo con cartos do seu peto.