Arranca a campaña da centola, con menos capturas das que agardaban os mariñeiros

84

O GROVE> Arranca a campaña da centola. No Grove, as expectativas iniciais foron desinflándose conforme o produto foi chegando a terra. En porto entrou menos cantidade da que se agardaba. O prezo, iso si, mantense como no pasado: a primeira das poxas superou os 16 euros.

Houbo cantidade, pero menos da agardada. O primeiro día da campaña da centola viviuse no Grove dun xeito intenso, como manda a tradición.

O produto foi entrando en lonxa a partir das cinco da tarde. En canto á cantidade, menos da que se esperaba: as expectativas eran boas, pero o volume de capturas foi mais reducido do que os mariñeiros pensaban.

A primeira das poxas mantivo os prezos do ano pasado: saíu por 16 euros. O dato é semellante ás oscilacións que se rexistraron na pasada campaña, cando se moveron entre os 15 e os 20 euros.

En canto á calidade, dende a Confraría de Pescadores de San Martiño falan dunha centola ‘excepcional’.

Esta primeira poxa da campaña prolongouse ata as sete e media da tarde. A apertura da veda da centola, así como a do boi, arrancou na pasada noite en toda a costa da provincia de Pontevedra e da Coruña.

A Consellería do Mar abre mañá a campaña extractiva da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra.

A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, ao cal se engadirán 35 quilos cada día por cada  tripulante enrolado e a bordo.

Poderán participar na campaña todas as embarcacións con artes menores e con porto base en Galicia, así como aquelas que tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nas augas galegas.

A campaña da centola prolongarase ata o inicio da veda do ano 2019. Fixarase a través do correspondente plan de xestión.