Falece un home ao precipitarse co seu coche ao mar en Portonovo

SANXENXO> Dramático suceso o acontecido onte pola noite no peirao de Portonovo. Un home falecía ao precipitarse co seu vehículo ao mar ao redor das 20:45 h.

Triste suceso o que sacudía este luns a vila de Portonovo. Un veciño de Sanxenxo de mediana idade perdía a vida, ao precipitarse co seu vehículo por este peirao que lles estamos a amosar. O vehículo foi atopado a uns 50 metros do espigón polo que caeu, e o corpo rescatado pasada a media hora do suceso.

Os equipos sanitarios desprazados ata o lugar intentaron reanimar sen éxito a vítima durante uns 30 minutos. Polo de agora aínda se descoñece o acontecido aínda que testemuñas presenciais sinalan que o condutor non reduciu a velocidade en ningún momento antes de precipitarse ao mar.

Ao lugar dos feitos desprazáronse os servizos de emerxencias, así como unha ambulancia, un equipo de buzos e unha dotación da Policía Local de Sanxenxo e a Garda Civil.