Núñez Feijóo anuncia un maior apoio da Xunta aos emprendedores en 2019

MORAÑA> O presidente da Xunta de Galicia estivo este martes en Moraña. Alí coñeceu de primeira man como se traballa na empresa máis punteira na vila, na que se da traballo a unhas 700 persoas en todas as súas sedes. Núñez Feijoo sinalou no transcurso da súa visita que a comunidade seguira ofrende oportunidades e estabilidade para continuar investindo e medrando empresarialmente.

A empresa Bandalux recibiu este martes unha ilustre visita; a do presidente da Xunta de Galicia. Núñez Feijóo estivo en Moraña onde despois de realizar unha visita guiada polas instalacións da factoría morañesa, aproveitou a ocasión para sinalar que a Xunta seguirá comprometida cunha terra que ofrece estabilidade política e económica.

O responsable da Xunta agradeceu a Bandalux e a Celtic Group a súa aposta por Galicia, así como a decisión de seguir reforzando este compromiso, coa construción dunhas novas instalacións en Santiago.

Feijóo asegurou que a Administración autonómica seguirá dando respostas ás necesidades dos emprendedores, facilitando os investimentos no tecido industrial da Comunidade: cuns orzamentos para 2019 que destinarán un 17% máis de fondos para o financiamento de iniciativas empresariais.

No acto no que tamén estiveron presentes a alcaldesa de Moraña, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria , así como o delegado da Xunta na provincia entre outros, o presidente puido coñecer como se traballa neste grupo empresarial que conta con catro plantas de produción repartidas entre: Moraña, Barcelona, Italia e Miami; e con distribuidores en países como Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Suíza, Bélxica e Holanda.