A centola do Grove conquista os padais de Fitur

MADRID> A gastronomía tivo un peso destacado dentro da proposta que Galicia levou este ano a Fitur. A asociación de empresarios Emgrobes aproveitou a feira internacional de turismo que se está a celebrar en Madrid para dar a coñecer a Festa da Centola do Grove.

A entidade promocionou as súas xornadas gastronómicas desvelando o cartel deste 2025. Trátase da vixésimo terceira edición, que se vai celebrar do 27 de novembro ao 8 de decembro.

Dentro desta acción promocional, Emgrobes tamén organizou unha degustación de centola. Nela participaron medios de comunicación especializados ou representantes de axencias de viaxe. Contou tamén con numerosa representación institucional. Ao acto asistiron o alcalde do Grove, Jose Antonio Cacabelos, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o presidente da Mancomunidade do Salnés, David Castro, ou o seu xerente, Ramón García Guinarte, así como outros alcaldes da zona, deputados provinciais e distintos cargos da Xunta.