Poio vestirase de loito contra as violencias machistas

POIO> poio vestirase de loito con motivo do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. As actividades comezarán o 15 de novembro e culminarán o 25N cunha andaina e a lectura do manifesto.

A campaña “Poio en negro” estenderase durante dez días para facer visible a protesta contra as violencias machistas. Por terceiro ano consecutivo únese á campaña de sensibilización conxunta “En negro contra as violencias”, á que se suman este ano 103 concellos e tres deputación provinciais en toda Galicia.

O día 15 de novembro celebrarase un obradoiro para o alumnado de 3º da ESO do IES Fontenla a cargo de Isabel Blanco, coautora da exposición “Rompe e Xoga en Igualdade”.

Entre o 19 e o 21 os obradoiros serán no IES de Poio para os alumnos de 4º da ESO. Técnicas do CIM falarán sobre prevención, detección e actuación ante a violencia de xénero.

A campaña, na que participan establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubes deportivos ou centros escolares, despregará carteis e distintivos para visibilizar o problema e a protesta.

Dende 2003 ata outubro de 2018 o Instituto da Muller rexistrou 58 asasinatos machistas en Galicia e 966 no Estado. As cifras dan conta  dunha realidade dramática que require de resposta unánime por parte de toda a sociedade.

As actividades programadas culminan o 25 de novembro cunha andaina que percorrerá 6 quilómetros entre o Bosque de Mulleres en Lourido e a praza da Chousa en Combarro. Baixo o lema “paso a paso libres de violencia de xénero”, a camiñata partirá ás 10:30 e rematará coa lectura dun manifesto ás 12 do mediodía.

A inscripción na andaina pode facerse ata o 22 de novembro no correo electrónico deportes.poiomovese@concellopoio.gal.

O acto rematará coa actuación musical das pandereteiras de Ronsel e Armadiña, que interpretarán un tema especialmente composto para a ocasión.