A antiga unitaria de Mourente converterase no Centro Social Os Campos

PONTEVEDRA> Concello e Deputación asinaron esta mañá o convenio para a transformación da unitaria de Mourente no centro social dos Campos. Na sinatura, presidenta e alcalde destacaron a boa relación entre as institucións que lideran.

A antiga escola unitaria de Mourente será rehabilitada para converterse no centro social dos Campos. A obra, que será financiada no 90% pola deputación, ten un orzamento de algo máis de 540.000 euros e podería estar rematada no prazo dun ano.

A edificación ten unha superficie construída de 263 metros cadrados. Terá un aula que se poderá converter en dúas, ademais de oficinas, almacén e un módulo de baños conectado ó edificio a través dun corredor acristalado. A rehabilitación completarase coa actuación sobre a contorna, coa colocación dunha bancada exterior que permitirá facer actividades ó aire libre. O centro será , segundo o alcalde, un novo espazo de cohesión social.

A sinatura do último convenio do ano entre a deputación e o concello de Pontevedra serviu para demostrar a colaboración entre ambas administracións, como salientaron tanto Carmela Silva coma Fernández Lores.

Como mostra desta boa sintonía, o vicepresidente provincial, enumerou os convenios que están por asinar, coma a variante de Montecelo, o vial de Mollabao ou a construción do pavillón da Parda. A presidenta lembrou os xa asinados, coma o vial de acceso a Monte Porreiro, a Rolda Leste, os campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio ou o centro social do Burgo, entre outros.