PONTEVEDRA> Nova mobilización dos traballadores de ENCE. Esta mañá, máis dun cento de operarios da fábrica cortaron o tráfico na coñecida como autovía de Marín e no enlace cara a autoestrada AP9. Despois duns 45 minutos desprazáronse ata a estrada vella cara a vila marinense. Aquí volveron impedir o paso dos coches durante uns 25 minutos. Todo para facer visible a súa reclamación: esixir unha solución que garanta a continuidade dos seus postos de traballo.
Os traballadores da fábrica de ENCE volveron hoxe á carga. Están preocupados porque non ven avances na procura dunha solución que garanta a continuidade dos seus postos de traballo.
Esta mañá fixéronse notar. Pouco despois das 10 máis dun cento de traballadores cortaban a coñecida como autovía de Marín e o enlace cara a autoestrada AP9. Axudados de barricadas feitas con neumáticos ardendo, impediron o paso dos vehículos.
Así estiveron preto de 45 minutos. Despois desprazaron a súa protesta cara a estrada vella de Marín. Aquí volveron interromper a circulación durante uns 25 minutos. Dúas acción que provocaron importantes retencións nos accesos a Pontevedra.
A protesta foi convocada polo comité de empresa de fábrica en solitario. A diferenza do posicionamento do de oficinas centrais, eles reclaman que se busque unha localización alternativa para a factoría, por se finalmente tivera que abandonar Lourizán.
As sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy á pasteira xa están recorridas ante o Tribunal Supremo.