Zona Aberta desmárcase este ano do Black Friday ‘por respecto aos clientes’

VILAGARCÍA> En Vilagarcía, o pequeno comercio desmárcase este ano do ‘Blanck Friday’. A popular xornada de descontos xeralizados, que se vai celebra-lo venres da semana que vén, non convence a Zona Aberta.  O colectivo de comerciantes asegura que esa xornada prexudica ós establecementos, pero tamén ós clientes.

É unha tradición dos Estados Unidos  importada ó noso país e que Zona Aberta celebrou nos últimos tres anos. Neste 2018, o colectivo comercial vilagarcián decidiu desmarcarse desta xornada de descontos. Din que agora o que toca é defende-lo pequeno comercio. Recoñecen que no Black Friday as vendas funcionan, pero que acaban lastrando o resto da campaña, co Nadal xa ás portas.

Piden, ademais, que a xente apoie a súa reivindicación, que non participen nesta xornada de descontos e que sigan confiando nas tendas de toda a vida. Dende Zona Aberta mesmo consideran que celebra-lo Black Friday é irrespectuoso cos clientes de toda a vida.

O Black Friday, en galego venres negro, é orixinal dos Estados Unidos. Celébrase no día seguinte a Acción de Grazas e marca o arranque da tempada de compras de Nadal alá. Unha xornada de grandes oportunidades nun país onde non están acostumados ós períodos de rebaixas como os que temos aquí.

O venres negro terá lugar o venres da semana que vén.