Anedia acode a unha comida especial no Día Mundial da Diabetes

PONTEVEDRA> Hoxe celébrase o Día Mundial da Diabetes. Para achegarnos á realidade das persoas diagnosticadas con esta doenza, quixemos acompañar á Asociación Anedia nunha comida na que Manu compartiu cos compañeiros de cole a súa rutina.

Chega o mediodía e Manu acode ó comedor escolar cos seus compañeiros. Nada diferenza o seu menú, agás que antes de comezar hai que pesar todos os alimentos e que non pode deixar nada no prato. Para el, coma para outros meniños diagnosticados con diabetes, esta é outra máis das rutinas coas que conviven.

Unha rutina que levan con eles alá onde van. No colexio, incorpórase coma unha norma máis.

Hoxe, os compañeiros de Manu aprenden algo máis sobre a diabetes.

Aínda que non existen cifras oficiais, calcúlase que a diabetes afecta en Galicia a máis de 2.000 rapaces e en Pontevedra a uns 300. Á Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes de Galicia chegan cada vez máis casos de debutantes en idades temperás.