PONTEVEDRA> A mitoloxía galega será o tema central das xornadas de antropoloxía que se celebrarán en Pontevedra esta fin de semana. A terceira edición deste ciclo de conferencias reunirá na Casa da Luz a expertos do ramo.
As III Xornadas de Antropoloxía versarán este ano sobre a mitoloxía galega. Despois de ter tratado temas coma a morte ou a menciña popular, toca agora achegarse ó patrimonio inmaterial.
O evento arrinca o venres 16 ás 17:30 horas coa proxección dun vídeo sobre as lendas da Pena Molexa narradas por Ángel Gilberto Martínez, compañeiro da Sociedade Galega de Antropoloxía falecido recentemente ó que se homenaxeará este ano.
A continuación, Ana Filgueira falará dos lugares físicos asociados a lugares sagrados e mitolóxicos; e Clodio González recuperará o mito das serpes e dragóns a través da tradición da Coca.
O sábado falarase da Raíña Lupa, cunha conferencia a cargo de Ana Ruiz Blanch; e sobre as fronteiras entre o rito e o mito, na charla ofrecida por Marcial Tenreiro.
Pola tarde, Antonio Reigosa presentará ós seres míticos galegos e Antonio Balboa Salgado percorrerá as cidades asolagadas.
Ámbolos dous días, a xornada péchase cunha mesa redonda para facilitar a participación dos asistentes.
Para o domingo está programada unha actividade en colaboración coa asociación de veciños de Cerponzóns, que pretende recuperar a tradición da transmisión oral.
Dende a SAGA agardan repetir o éxito de edicións anteriores con cheo completo durante todas as xornadas e un público moi participativo.











