PONTEVEDRA> A reforma de Loureiro Crespo podería estenderse a catro rúas máis. Así se valorou na reunión mantida onte entre o concelleiro de obras e as asociacións de veciños. Hoxe a xuntanza será cos comerciantes de Benito Corbal, para tratar o plan de obra da rúa, que podería demorarse ata pasadas as rebaixas de xaneiro.
A reforma urbana de Loureiro Crespo podería incluír a rúa veciña Ernesto Caballero dentro das melloras do proxecto, valoradas nuns 200.000 euros. Tamén se estuda a posibilidade de intervir, máis adiante, nas rúas Forcarei, Casimiro Gómez e Amor Ruibal.
Esta posibilidade valorouse na reunión celebrada onte coas asociacións da Eiriña e de Pedra de Lagarto para que achegaran as súas propostas para o proxecto de reforma de Loureiro Crespo.
Nas vindeiras semanas convocarase unha asemblea veciñal para presentar o proxecto incorporando as propostas feitas na xuntanza.
Tamén dentro do plan de obras no casco urbano, esta noite terá lugar unha reunión cos comerciantes de Benito Corbal. O motivo é acordar con eles cal é a data máis adecuada para comezar a intervención.
As obras estenderanse durante tres meses e medio. Durante ese tempo, será necesario pechar a rúa ó tráfico de paso, aínda que se autorizarán os servizo, a carga e descarga e as entradas e saídas ós garaxes.