Os mexilloeiros de Muros xa poden traballar en tódolos polígonos da ría

MUROS> Boa nova para o sector mexilloeiro na ría de Muros Noia trala reapertura do maior polígono de bateas que permanecía pechado dende hai varios días. A remisión da marea vermella chega nun momento crucial para a campaña co incremento das vendas de cara a fin de ano.

Os bateeiros de Muros xa poden extraer mexillón na totalidade da ría despois de que o Intecmar decretara a apertura do polígono B ó constatar o descenso dos niveles de toxina.

O peche estaba a supoñer importantes perdas para o sector posto que neste polígono concéntrase o maior número de bateas e trátase dun momento no que o mexillón está en estado óptimo para o seu consumo.

Agardan que agora a toxina non volva facer acto de presenza no que queda de campaña. E é que neste ano, aínda que os peches cautelares non foron moitos, a toxina si afectou en gran medida ó sector que apenas traballa cando os niveis se sitúan no límite pero os polígonos continúan abertos.