PONTEVEDRA> Neste 8 de marzo a Plataforma Loita quixo tamén alzar a voz coas súas reivindicacións. Reclaman atención post-temperá, ou o que é o mesmo: que a cativada que o precise poida seguir recibindo terapias na sanidade pública despois de cumprir os 6 anos. Destacan que os coidados seguen a recaer na súa maior parte nas mulleres, polo que moitas nais de pequenos neste tipo de situacións teñen que deixar de traballar para poder atendelos.
Os coidados seguen a ser unha tarefa maioritariamente feminina. Segundo datos de Cruz Vermella, o 83% das persoas que asumen esta responsabilidade son mulleres. Por iso dende a plataforma LOITA, pola defensa dos menores, nais e familias ante a sanidade pública, aproveitaron o 8M para alzar a voz coas súas reclamacións.
Hoxe quixeron dar a coñecer esta realidade repartindo folletos diante da Deputación de Pontevedra, antes do acto co gallo do 8M. Dende a plataforma explican que actualmente a atención temperá remata cando o cativo cumpre 6 anos. O menor deixa así de recibir a atención que precisa, unha situación que ten un impacto especial nas mulleres coidadoras.
LOITA denuncia que levan un ano agardando a que as consellerías de Sanidade, Educación ou Política Social atendan as súas solicitudes de reunións. Reclaman ser escoitados.











