PONTEVEDRA> Paralización dos sectores industriais, prohibición dos despedimentos e maior control dos ERTES. Estas son algunhas das medidas aprobadas no último Real Decreto-Lei. Medidas que dende os sindicatos consideran que son necesarias e positivas. Sen embargo, algúns critican a tardanza na súa implantación.
Tarde, mal e arrastro. Esa é a valoración que fan dende a CIG ás últimas medidas tomadas polo goberno do Estado na crise do coronavirus. Unhas medidas que dende o sindicato aseguran que son froito da improvisación e que non resolven as necesidades dos traballadores.
Dende UXT sen embargo mostran maior comprensión e entenden que estas medidas, aínda que non lles agradan por completo, si son necesarias.
En canto aos ERTES, o secretario comarcal de UXT asegura que é unha boa alternativa para paliar as consecuencias económicas desta crise sanitaria.
Os sindicatos entenden que os ERTES son unha boa medida para os traballadores pero aseguran que deixan cabos soltos que poderían dar lugar a picaresca.
Pola súa banda, dende Comisións Obreiras aseguran que moitas empresas non estaban a cumprir as medidas básicas de prevención e, polo tanto, valoran positivamente o cese das actividades laborais que non son esenciais. Ademais, dende este sindicato lamentan que algunhas empresas leven a cabo despedimentos ao excluír dos ERTES aos traballadores con contrato temporal.