O colectivo de enfermeiras reclama que se mellore a ratio de pacientes

PONTEVEDRA> As enfermeiras de Pontevedra trasladáronse hoxe ata a praza da Peregrina para continuar coa campaña de recollida de sinaturas para a presentación dunha iniciativa lexislativa popular que solicita a mellora das ratio enfermeira/habitante.

O colectivo de enfermeiras denuncia dende hai tempo que o número de traballadoras por cada mil habitantes é moi inferior ó necesario.

Denuncian que nos últimos anos esta diferenza se acentuou polas medidas de control de gasto e que España está agora á cola de Europa.

A mellora da ratio vai máis alá dunha simple reivindicación laboral, xa que segundo explican, afecta á seguridade do paciente.

A recollida de sinaturas, que iniciaron a semana pasada e que se está a desenvolver en todo o Estado, está a resultar ben polo momento.

Os apoios recadados servirán para a presentación dunha iniciativa lexislativa popular no Congreso. Son necesarias medio millón de sinaturas en toda España, polo que continuarán coa campaña ata acadalas.