O Delegado do Goberno en Galicia considera ‘puntual’ o incremento dos roubos en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Catro meses despois de chegar ó cargo, o delegado do goberno en Galicia visitou Vilagarcía. Javier Losada mantivo unha xuntanza co alcalde centrada, en boa medida, na inseguridade e o incremento dos roubos. O delegado cre que o repunte rexistrado nas últimas semanas é algo puntual. Defendeu que Vilagarcía é unha cidade segura.

Primeira visita do delegado do goberno en Galicia a Vilagarcía. Catro meses despois de chegar ó cargo Javier Losada mantivo un encontro co alcalde da cidade, no que tamén participou a subdelegada do goberno en Pontevedra. Alberto Varela quixo agradecerlle o xesto.

Na xuntanza, un dos asuntos centrais foi a inseguridade e a sucesión de roubos rexistrados nas últimas semanas. O delegado entende que esta situación é puntual e defendeu que Vilagarcía é un lugar seguro. Comprometeuse a incrementa-la seguridade na localidade e culpou ó goberno de Rajoy da escaseza de efectivos en corpos como a Policía Nacional.

Sobre a mesa, tamén reclamacións históricas para Vilagarcía, como o AVE ou a segunda fase do paseo marítimo. Neste caso, asegurou que o goberno de Pedro Sánchez está disposto a que no ano vindeiro se comprometa esa actuación. O delegado aproveitou, ademais, para anunciar un proxecto de rehabilitación de vivendas que deixará na provincia de Pontevedra máis de 4 millóns de euros. Tamén avanzou novidades na variante oeste da N-640.

O delegado comprometeuse a estudar tódalas demandas formuladas polo executivo, como unha nova casa cuartel para a Garda Civil. Losada aproveitou para poñer en valor a compra da casa de Jaureguízar, noutrora propiedade de Marcial Dorado, para proxectos sociais. Segundo detallou, esa adquisición por parte do concello foi posible grazas á intercesión do Ministerio de Sanidade do executivo central.

Trala reunión co goberno local, o delegado mantivo outra xuntanza con representantes de Zona Aberta. O colectivo de comerciantes vilagarciáns quixo trasladarlle ó executivo central as súas inquedanzas sobre a actual lexislación que regula os períodos de rebaixas.