O BNG de Poio amenaza con mobilizarse se a Xunta non pon solución ao colapso da Atención Primaria

POIO> O deputado do BNG, Luís Bará, achegouse esta mañá ata o centro de saúde de Anafáns, para reclamar unha atención primaria de calidade no Concello de Poio. Un servizo completamente desbordado pola situación sanitaria actual.

Representantes do BNG no Concello de Poio e no Parlamento achegáronse esta mañá ata este centro de sáude para facerse eco das queixas da veciñanza con respecto á situación que está a vivir a atención primaria. Actualmente, para poder acceder a unha cita de urxencia hai que agardar ata dez días. Unha situación “caótica e de gran dificultade” para toda a cidadanía.

Luís Bará cualificou de “hecatombe” a situación que está a vivir a atención primaria en toda Galicia e, en especial, neste Concello. Ademais, o deputado do BNG está convencido de que a estratexia da Xunta de Galicia é fortalecer á sanidade privada.

O alcalde de Poio reclamou a importancia de que este Concello conte cunha sanidade propia do século XXI. Ademais, Luciano Sobral quixo destacar tamén a ineficacia que está a demostrar a Xunta ante os problemas, tanto na Sanidade como na Educación, que está a vivir a sociedade.

Todas estas reivindicacións serán levadas ao Pleno municipal deste mes co obxectivo de trasladar un acordo plenario á Xunta. De non conseguilo, os nacionalistas non descartan comezar con mobilizacións.