O Campo da Feira de Mosteiro eliminará as barreiras arquitectónicas

MEIS> Avanzan as obras de reforma do Campo da Feira de Mosteiro, no concello de Meis. Os traballos están a ser financiados pola Deputación de Pontevedra, e buscan eliminar as barreiras arquitectónicas existentes neste espazo. Contan cun orzamento de preto de trescentos mil euros.

Avanzan as obras para facer máis accesible o campo da feira de Mosteiro, en Meis. A Deputación está a desenvolver unha actuación para eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e adaptar o espazo ás necesidades de persoas con diversidade funcional.

A obra conta cun orzamento próximo aos 300 mil euros, e está financiada pola Deputación a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos, e o obxectivo é mellorar esta praza como espazo público.

Ademais, substituiranse as luminarias, crearase un soportal no edificio multiusos, instalarase un quiosco e melloraranse os xardíns da Casa de Escudeiro.

Nos tres anos de lexislatura do goberno bipartito da Deputación, a administración provincial destinou ao concello de Meis máis de 3,1 millóns de euros.