Voluntariado da Asociación O Castro fará tarefas de acompañamento a doentes no Hospital do Salnés

O SALNÉS> A Asociación Cultural O Castro ofrecerá actividades de acompañamento e animación cultural no Hospital do Salnés. Esta mañá, o presidente desta asociación con base en Vilanova e o xerente da área sanitaria asinaron un convenio. Este acordo vaise traducir en que voluntariado da asociación prestará o seu apoio ás persoas ingresadas que o precisen, en especial, grupo vulnerables como persoas maiores ou xente que viva soa.

A sinatura do convenio entre a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Asociación Cultural O Castro tivo lugar esta mañá no salón de actos do hospital comarcal. A través deste acordo, voluntariado desta colectivo con sede en Baión, Vilanova, impulsará no centro actividades de acompañamento e animación cultural.

Este servizo de acompañamento está pensado en especial para persoas que pertenzan a algún grupo especialmente vulnerable. Ademais de rapazada ou mocidade, o servizo porá o foco nas persoas maiores e, en especial, naquelas que vivan soas ou non teñan familia. Situacións cada vez máis habituais por mor dos tempos que vivimos e que, din dende o Sergas, precisan dunha resposta social como a que ofrecen dende O Castro.

O presidente do Castro, acompañado por un grupo de voluntariado da entidade, amosou a súa satisfacción pola sinatura deste acordo. Sabarís indicou que o labor da súa asociación será facer máis levadeira a estadía dos doentes neste hospital. Nesa liña, ademais do servizo de acompañamento, o colectivo organizará propostas de carácter cultural , como música, teatro ou contacontos.

O convenio ten unha vixencia dun ano, coa posibilidade de prorrogarse se así o acordan ambas partes.