VILAGARCÍA> O novo programa de emprego da Mancomunidade do Salnés incorpora formación específica no sector vitivinícola. É unha das novidades da oitava edición, que busca crear novos profesionais para sectores económicos estratéxicos da comarca. Van recibir formación un cento de alumnos.
O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Salnés incorpora novos campos de formación. Entre eles, salienta o sector vitivinícola, un piar fundamental da economía da comarca e que busca traballadores especializados.
Ademais do mundo do viño, a oitava edición deste Plan de Emprego incorpora formación en horticultura, siderometalurxia e formación específica no sector eólico. Ademais, continúan os cursos centrados na industria 4.0, con contidos relacionados co manexo de drons, a impresión 3D ou a dixitalización documental.
Un paquete formativo amplo e diverso que, para a presidenta da Mancomunidade, vén avalado polos seus resultados.
Nesta edición van participar un cento de alumnos. O programa conta cun investimento de 284.000 euros, dos que a Xunta achega 250.000.