“Mulleres en acción. Violencia Zero”, loita pola igualdade durante 365 días

PONTEVEDRA> A campaña “Mulleres en acción. Violencia Zero” inicia unha nova edición na que se desenvolverán 25 actividades para mover á reflexión e loitar pola igualdade durante os 365 días do ano.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero”, fomenta a actitude crítica e reflexiva sobre a violencia machista a través da arte contemporánea. Arrinca na semana do 25N a súa edición máis participativa.

No seu cuarto ano percorrerá toda a provincia para cambiar as mentes e loitar contra as violencias machistas.

O programa pretende ó mesmo tempo promover e visibilizar a artistas e creadoras.

Realiza un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, pero prestando especial atención ós máis mozos.

A programación iníciase o venres, 23 de novembro, no MARCO de Vigo coa performance “Nosotras” de Nieves Correa, protagonista do cartel desta edición. O 26 de novembro, na Praza da Peregrina, ás 12 horas, Helen Bertels desenvolverá a acción escénica “Amor”.

As actividades, ata 25, continuarán ó longo do ano, para que a loita non se reduza a un día sinalado.

Ademais deste programa, a deputación de Pontevedra desenvolverá outras actuacións encamiñadas á eliminación da violencia e discriminación e á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Mañá, Día Internacional da Memoria Trans, estrearase no Pazo provincial a curtametraxe “Sorrisos transformadores”; e o mércores desenvolverase a terceira edición do “Módulo de sensibilización en Igualdade” impartido por Mercedes Renda na Escola de Enfermería de Pontevedra.