PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra visitou esta mañá as obras da parroquia dos Campos. En concreto, as do Local Social, as do Centro do Grupo de Desenvolvemento Rural e as do acceso a Monte Porreiro. Tres traballos que se están a realizar de maneira simultánea e que está previsto que rematen a finais de ano.
O alcalde de Pontevedra visitou esta mañá as obras do núcleo de centralidade dos Campos. Unhas obras que supoñen un investimento de case 2,3 millóns de euros e que están divididas en 3 proxectos. Por unha banda, o novo acceso a Monte Porreiro. O presuposto desta vía, que conecta os antigos terreos de Tafisa coas inmediacións da UNED, supera o millón e medio de euros. O 70% será financiado pola Deputación e o 30% polo Concello.
O segundo proxecto en marcha nos Campos é o local social. O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e as obras foron adxudicadas por un importe que rolda os 500.000 euros.
Por último, neste núcleo de centralidade crearanse as novas oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural. Nelas investiranse 373.000 euros. O obxectivo do goberno municipal é rematar estes tres proxectos no último trimestre do ano.