Domínguez asina ante notario o seu compromiso coa reapertura de Raíña Vitoria

PONTEVEDRA> Rafa Domínguez rexistra ante notario a súa primeira promesa electoral. Quen será o candidato do Partido Popular de Pontevedra comprométese a reabrir a avenida Raíña Vitoria ao tráfico se sae elixido alcalde nas eleccións do vindeiro ano. Insiste en asegurar que a medida carece de lóxica e que se tomou baseándose nunha mentira.

Ante notario e a pé de rúa o líder do Partido Popular de Pontevedra asinou esta mañá o que é o seu primeiro compromiso electoral: a reapertura ao tráfico da avenida Raíña Vitoria.

Mantendo o seu discurso, Rafa Domínguez insistiu en que a medida foi tomada polo goberno local baseándose nunha mentira, empregando a pandemia como excusa.

A algo menos dun ano das eleccións municipais do 2023, o popular está convencido das súas posibilidades de chegar á alcaldía de Pontevedra. Por iso pide ao actual executivo que non faga obras na avenida.

Domínguez apuntou tamén que o PP está a consolidar unha alternativa seria de goberno, cun partido con xente nova e preparada. Algo que contrapuxo a un Miguel Anxo Fernández Lores que, segundo el, está cansado e sen relevo no BNG.