O gañador da campaña do Día do Pai de Ribeira recibe mil euros a gastar nun día

RIBEIRA> O afortunado gañador do Sorteo do Día do Pai de Ribeira recollía esta mañá o seu premio na sede da asociación de empresarios. Un vale por valor de mil euros para gastar ó longo do día no tecido comercial da vila.

Germán Queiruga foi o agraciado no sorteo da campaña do Día do Pai que desenvolveu a asociación de empresarios de Ribeira. Esta mañá recollía o seu premio da man do presidente da patronal e do alcalde de Ribeira. Nada máis e nada menos que mil euros para gastar nos distintos establecementos asociados. Comezou o seu percorrido nunha tenda de deportes e xa tiña claro por onde seguir posto que nos días previos xa decidiu os produtos a mercar tanto para el como para agasallar ós seus achegados.

Dende a asociación de empresarios destacaron o gran resultado da campaña, debido á elevada participación, que se traduce nun maior consumo no comercio local, ó que se suman tamén os mil euros do premio.

Agardan que o éxito se repita na campaña do Día da Nai, que xa están a organizar cun formato semellante.