Deputación, Xunta e sindicatos pechan un acordo de melloras que remata co conflito dos bombeiros comarcais

PONTEVEDRA> Punto e final ao conflito dos bombeiros comarcais de Pontevedra. Deputación, Xunta e sindicatos foron quen de achegar posturas e pactar unha solución que remata con anos de conflito aberto. O acordo contempla a ampliación do cadro de persoal con 17 efectivos, melloras salariais e avances laborais.

Despois de anos de tensión, Deputación de Pontevedra, Xunta e sindicatos pecharon hoxe un acordo que pon fin ao conflito aberto cos bombeiros comarcais pontevedreses.

Foron anos de intensas protestas e de folgas pola falta de efectivos, que provocaron incluso o peche temporal de parques como o de Vilagarcía e o de Ribadumia. O acordo contempla a ampliación do cadro de persoal, pasando dos 73 bombeiros actuais aos 90.

Tamén se contemplan melloras salariais e nas condicións laborais, así como o compromiso de ampliar e modernizar os medios técnicos en función das dispoñibilidade de cartos. As medidas que contempla o acordo oficializaranse no pleno provincial do vindeiro me de marzo.

Deste xeito, a Xunta dá por pechado o conflito aberto con todos os consorcios provinciais de bombeiros. O acordo en Pontevedra súmase aos xa acadados en Ourense e Lugo. No caso da Coruña existe xa, aseguran dende a Xunta, un pacto verbal que se formalizarán proximamente.