Os emigrantes retornados do Barbanza participarán nunha gran mobilización en Ourense

BOIRO> Os emigrantes retornados do Barbanza participarán na manifestación convocada este venres en Ourense a nivel autonómico. O colectivo retoma as mobilizacións ante a falla de resposta das administracións.

Tras cinco anos de loita na rúa, os emigrantes retornados afirman sentirse cansos pero non rendidos. Por esta razón, volverán mobilizarse nunha gran manifestación convocada este venres a mediodía en Ourense. A plataforma do Barbanza fletará un autobús para o que xa quedan poucas prazas polo que animan ós interesados en asistir a apuntarse antes do mércores ás oito cando remata o prazo.

A pesar das boas impresións coas que voltaron de Madrid, tralas xuntanzas coa Comisión de Facendo no Congreso e con representantes de Podemos e do PSOE, ven con amargura como a situación segue exactamente igual.

Ademais de aclarar os criterios e parámetros que regulan as obrigas fiscais para pensións cobradas no estranxeiro, seguen a reclamar que se equipare o límite de ingresos anuais que exime do IRPF ó resto de traballadores así como que se elimine o concepto de dobre pagador. Tamén demandan que se elimine a retroactividade e se devolvan de oficio as multas e xuros cobradas indebidamente.

Por último inciden na necesidade da gratuidade da seguridade social posto que son moitos os pensionistas que teñen que aboar preto de noventa euros ó mes en concepto de asistencia médica por non ter convenio con España os países nos que tributaron.