SANXENXO> Representantes do Concello de Sanxenxo e da Subdelegación do Goberno en Pontevedra manterán unha xuntanza cos veciños de Vilalonga, vítimas da vaga de roubos. Malia o incremento da presenza da Policía Local na zona, os veciños din sentirse atemorizados por un coñecido delincuente que acumula xa máis dunha vintena de roubos.
A vaga de roubos segue sacundindo Vilalonga. O clima de inseguridade que se respira entre os veciños mantense, a pesar do reforzo da presenza policial na zona nos últimos meses. Para tentar poñerlle couto ó problema, o alcalde de Sanxenxo decidiu recorrer á Subdelegación do Goberno para que se implique no conflito.
Esa xuntanza entre os veciños, o Concello e a Subdelegación podería celebrarse antes de que remate este mes, aínda que polo de agora non se pechou ningunha data. Dende o Concello, entre tanto, din entende-la preocupación dos veciños ante esta situación de inseguridade, que se estende a establecementos da zona, como esta oficina de Correos, vítima tamén dun roubo. Detrás de todo isto, seica está a mesma persoa: un delincuente reincidente, detido e posto en liberdade a continuación xa en numerosas ocasións.
Entre os veciños máis preocupados por esta situación atópanse os que viven no edificio no que reside nestes momentos o delincuente. Nese inmoble seica rebentou as pechaduras de sete rochos na última semana. En total, acumula máis dunha vintena de roubos con forza, incluíndo locais e vivendas na Lanzada ou Portonovo.
A situación é tal que no pasado mes de xuño, o Concello enviou unha carta ó xulgado que tramita as denuncias contra este delincuente, para trasladarlle a preocupación e alarmismo dos veciños afectados.