Marea denuncia que o Gran Montecelo pon en risco a sanidade pública en Pontevedra

PONTEVEDRA> Marea Pontevedra denuncia que o Gran Montecelo pon en risco a sanidade pública na cidade. O novo complexo hospitalario achegará só 60 camas ás 600 coas que se conta agora. Segundo a forza política, este aumento é insignificante, sobre todo se temos en conta que se prevé un envellecemento progresivo da poboación que multiplicará as necesidades de atención.

A sanidade pública en Pontevedra recibirá “unha nova estocada” co proxecto do Gran Montecelo. Así o aseguraba esta mañá Luís Rei, acompañado da súa compañeira na lista de Marea, María Luisa Lores, membro ademais da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Pontevedra sitúase, segundo eles, á cola das cidades galegas no tocante á cobertura hospitalaria.

Tras analizar o Plan Funcional do proxecto para o Gran Montecelo, Marea conclúe que forma parte dun pulo privatizador da sanidade. Unha vez inaugurado o novo complexo hospitalario Pontevedra contará con 660 camas fronte ás 600 actuais, o que supón un incremento insuficiente tendo en conta que debe dar servizo a un área de máis de 300.000 persoas cunha poboación en progresivo envellecemento.

A privatización reflíctese tamén, segundo Marea, nos aparcadoiros previstos e na ausencia dun sistema público de transporte, ademais da futura desaparición do centro de especialidades de Mollabao e do Hospital Provincial.

María Luisa Lores explicou que o Plan Funcional apunta ó desvío cara á sanidade privada, ó non contemplar camas para críticos, reducir as camas de trauma, e non recoller fertilización in vitro. Tamén se manteñen os concertos de limpeza ou do almacén loxístico.

Considera que aínda se está a tempo de cambiar o Plan Funcional e evitar así deixar en mans privadas a actividade asistencial da área sanitaria de Pontevedra.