O mal tempo condiciona o arranque da campaña do percebe na zona sur

RIBEIRA> O mal tempo está a condicionar o labor dos percebeiros de Aguiño que dende a pasada semana traballan na zona de Sálvora e Sagres. A pesar das dificultades para coller recurso de calidade o prezo está a superar os cen euros.

Nas tres xornadas que traballaron o percebe na zona sur, os mariscadores de Aguiño víronse condicionados polas malas condicións climatolóxicas. O temporal no mar impediu achegarse ás rochas para apañar o percebe de maior calidade polo que o recurso extraído nestes días non chega ó tamaño habitual nesta zona. Aínda así, o prezo na subhasta está a acadar altas cotizacións, por riba dos cen euros no de maior calidade.

Á espera de constatar como está o recurso nas zonas de máis difícil acceso, os percebeiros agardan unha boa campaña de Nadal na que a alta demanda pode mesmo dobrar os prezos.

Tamén para decembro reservarán as xornadas que quedan aínda para saír ó ourizo, un recurso en auxe que está a acadar unha media de sete euros.