Vinte proxectos e vinte millóns de euros para ‘Pontevedra Flúe’, que aposta por recuperar os ríos do concello

PONTEVEDRA> ‘Pontevedra Flúe’. Así bautiza a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra o seu ambicioso programa para abrir a cidade aos seus espazos verdes. Son 20 proxectos que supoñen un investimento de ao redor de 20 millóns de euros, tanto de fondos europeos como propios. Algúns deles comezarán nas vindeiras semanas.

A revolución verde e azul chega a Pontevedra. Así presentou esta mañá o concelleiro de Desenvolvemento Sostible o novo programa do seu departamento: ‘Pontevedra Flúe’.

Vinte proxectos que suporán un investimento duns 20 millóns de euros, procedentes tanto de fondos europeos como do propio concello. O eixo principal será o río Lérez.

Pero tamén se actuará no Gafos, o Rons e o regato de Valdecorvos. Sobre este último, traballarase para a súa recuperación ambiental, crearase un gran parque urbano no barrio de Valdecorvos e porase en marcha un proxecto piloto xunto coa Universidade da Coruña para rematar cos asolagamentos da rúa Fernando Olmedo.

O destape do Gafos entre Tablada e a igrexa de San Xosé, en Campolongo, a transformación da antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez nun miradoiro, a restauración ecolóxica da Xunqueira de Alba e a construción dun parque de auga no paseo de Rafael Areses, son as catro actuacións que estarán en marcha a curto prazo.

‘Pontevedra Flúe’ inclúe a conexión de Pontevedra coa Vía Verde do Salnés e da senda fluvial do Lérez dende Bora ata Combarro, aproveitando o proxecto que está a desenvolver o concello de Poio. Ademais, antes de 2025 terán que estar rematados o novo parque de María Vinyals en Camplongo e a recuperación ambiental dos salóns do Lérez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí