VILAGARCÍA> A Casa de Acollida de San Cibrán, en Vilagarcía, abriu hoxe as súas portas. Con esta iniciativa, Cáritas pretende amosar á sociedade toda a labor social que se leva a cabo neste centro, no que actualmente residen nove persoas.
Chámase Manuel e vive na Casa de San Cibrán dende hai un ano. Tiña unha vide normalizada, pero por unha cuestión do destino acabou perdéndoo todo. Para coñecer historias como a deste home, as portas deste centro de acollida abren hoxe de par en par.
O vindeiro domingo é o Día das Persoas sen Fogar, unha situación á que se enfrontan 40.000 persoas en España. Cáritas explica que por moi resolta que pareza a nosa vida, ninguén é alleo a acabar na rúa. Para concienciar sobre esta realidade e tamén para normalizala na sociedade, o organismo humanitario decidiu hoxe abri-las portas das súas casas.
Ademais de ofrecer un fogar, esta Casa de San Cibrán traballa na inserción dos seus residentes. Os profesionais que aquí traballan ofrecen proxectos personalizados, para atopar traballo ou unha prestación social.
Neste centro de acollida viven arestora nove persoas. Eles prefiren chamarlle casa porque, ó fin e ó cabo, son unha gran familia.
Ademais desta xornada de portas abertas, na Casa deuse lectura a un manifesto para que ninguén viva sen un fogar. Para iso, piden medidas concretas, como a posta en marcha dunha renda social ou unha modificación das políticas de vivenda pública para, entre outras cousas, regula-lo mercado de alugueiros.