O cadáver atopado nunha praia do Grove, aínda sen identificar

O GROVE> Continúa a investigación para identifica-lo cadáver atopado na Praia de Raeiros, no Grove. A vítima é un home de entre 50 e 60 anos. Todo apunta o varón afogou, aínda que polo de agora se descoñecen os resultados da autopsia.

O cadáver atopado na praia de Raeiros, no Grove, segue sen identificar. A Garda Civil continúa as súas investigacións para tentar poñerlle nome e apelidos á vítima. Trátase dun home de entre 50 e 60 anos.

O seu corpo foi localizado na mañá do pasado sábado. Foi un veciño da zona que paseaba pola beira do mar o que atopou o cadáver tendido na area. No momento do achado, a vítima estaba vestida con roupa de rúa: mantiña os pantalóns e os zapatos, aínda que perdera xa a parte de arriba.

Polo de agora tampouco se fixeron públicos os resultados da súa autopsia. Así as cousas, todo parece indicar que o varón faleceu afogado. O corpo non amosaba signos de violencia. Os golpes que presentaba o seu cadáver serían o resultado de ter batido contra as rochas.

Ademais, segundo o estado no que se atopaba o corpo, a vítima podería levar morta ao redor dunha semana.

Algunhas informacións apuntan a que a vítima é un cidadán de orixe portugués. Seica esa á a principal liña da investigación da Garda Civil porque o cadáver non portaba documentación, só obxectos de procedencia portuguesa. Con todo, non se descarta ningunha outra opción.

O que si quedou descartado xa foi a relación entre este achado e o dispositivo levado a cabo o pasado venres a última hora da tarde na zona da Lanzada. Neste caso tratouse dunha falsa alarma, por mor dun suposto surfista en apuros na auga que mesmo obrigou a mobiliza-lo helicóptero Pesca 1 da Xunta.