José Antonio Pérez, novo presidente da Federación Galega de Confrarías

RIBEIRA> José Antonio Pérez, elixido novo presidente da Federación Galega de Confrarías. O patrón maior de Ribeira asume o cargo con incertidume ante os numerosos retos que afronta o sector pesqueiro. Acompáñano nesta nova etapa Ruperto Costa, de Cambados, e Jacobo Balseiro, de San Cibrao, como vicepresidentes primeiro e segundo.

A xunta xeral da Federación Galega de confrarías de pescadores reuniuse este sábado para elixir ó seu novo presidente. José Antonio Pérez, patrón maior de Ribeira, obtivo o respaldo maioritario dos pósitos nunha votación moi axustada fronte ó outro candidato, o patrón maior da Illa Juan José Rial.

Pérez Sieira asumirá o cargo durante os próximos catro anos con importantes retos de futuro. Os máis inmediatos pasan por conseguir un mellor reparto dos TAC, a flexibilización na prohibición dos descartes e a equiparación do coeficiente redutor que na actualidade prexudica ós profesionais da baixura.

Ata mañá estará aberto o prazo para a presentación de recursos que deberán estar resoltos o día 3 de decembro. Unha vez a elección sexa definitiva, o novo presidente tomará posesión do cargo o cinco de decembro. O patrón maior de Cambados, Ruperto Costa, exercerá como vicepresidente primeiro mentres que o vicepatrón da Confraría de San Cibrao, Jacobo Balseiro, exercerá de vicepresidente segundo.