40.000 euros para ‘reactivar’ os autónomos de Cambados

CAMBADOS> Cambados quere reactiva-lo seu comercio e a súa hostalaría. O Concello vai lanzar unha liña de axudas de 40.000 euros para os autónomos que viron reducidas as súas vendas a máis do 50%, por culpa das restricións. Ademais, creou unha nova edición dos bonos 3×2, co que se pretende mobilizar uns 30.000 euros. Ademais, tentarán anima-las rúas máis comerciais con decoración e con varios concertos.

Cambados quere florecer nesta primavera. O Concello lanzou hoxe un paquete de medidas que buscan reactiva-lo comercio e a hostalaría do municipio. Van lanzar unha liña de axudas de 40.000 euros para os autónomos afectados polas restricións.

Ademais, o concello vai investir 10.000 euros nunha nova campaña dos bonos 3×2. Con ela vanse mobilizar 30.000 euros no comercio local.

Os clientes poderán facerse cos seus bonos entre o 26 e o 31 de maio. De xeito paralelo, vanse decorar algunhas das rúas máis comerciais da vila, para animar as compras.

E se as condicións sanitarias o permiten, tamén organizarán varios concertos.

As actuacións, ademais, englóbanse na programación das Letras Galegas, que se prolongará durante todo o mes de maio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí