O Black Cat Friday busca fogar a gatos negros

PONTEVEDRA> O Black Friday é xa unha celebración totalmente establecida e hai quen aproveita o tirón para levar a cabo campañas que nada teñen que ver co consumo. É o caso da Asociación Difusión Felina, que facendo uso do nome lanzou unha iniciativa dirixida á adopción de gatos negros.

O Black Cat Friday nada ten que ver coa febre de compras que se desata a finais de novembro. O que pretende esta campaña, desenvolvida pola asociación pontevedresa Difusión Felina, é atopar un fogar ós gatos negros, que seguen a ser os que menos se adoptan.

Dous dos gatos xa atoparon fogar, pero aínda buscan familia outros sete.

Aínda que se aproveitou a celebración do Black Friday para lanzar a campaña, esta non se reduce a unha fin de semana. A asociación confía en que os gatos negros atopen familia antes de que finalice o ano. Mentres non se atopan adoptantes, os animais permanecen en acollida.

Dende Difusión Felina lembran que os gatos negros nin dan mala sorte, nin son máis feos, nin menos cariñosos. Para adoptar só hai que porse en contacto coa asociación a través do correo electrónico difusionfelinapontevedra@gmail.com.

Ademais dos gatos negros, a asociación protectora está intentando reubicar os animais da colonia do Teatro Principal, que desaparecerá pola edificación na zona.