PONTEVEDRA> Dotación económica ‘sen precedentes’ nos plans da Deputación de Pontevedra para o ano 2026. O goberno provincial mobilizará 128 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Avanzouno hoxe o presidente nun acto cos alcaldes e alcaldesas da provincia. Salienta a cifra récord do Plan +Provincia, que acada os 50 millóns de euros. Ademais, como novidade, os concellos poderán ter acceso anticipado as 35 millóns de euros do +Provincia do ano 2027 para proxectos plurianuais. Haberá tamén unha nova edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas con 8 millóns de euros e o segundo Plan Extra estará dotado no 2026 con 35 millóns de euros.
O presidente da Deputación de Pontevedra presentou este luns ante alcaldes e alcaldesas da provincia os plans de investimento do organismo provincial para os concellos de menos 50.000 habitantes –todos, agás Vigo e Pontevedra— en 2026.
En total acadan os 128 millóns de euros.
En detalle, o Plan +Provincia do vindeiro ano contará cunha cifra de récord de 50 millóns de euros, 1,8 millóns máis que neste 2025.
Con todo, entre as novidades máis destacadas deste plan está a posibilidade de que os concellos que desexen realizar investimentos de carácter plurianual poderá optar á concesión anticipada dos fondos que lle corresponden á liña 1 do seguinte ano 2027.
O segundo dos plans presentados foi unha nova edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que na súa terceira entrega volverá beneficiar aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
Ademais, haberá segunda edición do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra para executar proxectos estratéxicos nos concellos.
Ao mesmo tempo Luís López adiantou o goberno provincial decidiu pagar por completo o crédito solicitado no 2021 para financiar o plan REACPON. Vaise amortizar unha débeda pendente de 19,5 millóns de euros.










