A confraría do Grove limpa os seus fondos mariños no proxecto ‘Mar sen lixo’

O GROVE> ‘Mar sen lixo’ é o nome dun dos proxectos que ten en marcha a confraría do Grove. No seu marco, hoxe ao redor de 350 persoas participaron nunha xornada de limpeza de refugallos nas praias do municipio. Eran mariscadoras a pé e poliqueteiros, que se afanaron por limpar os seus bancos de traballo. Plásticos, cristais, restos de aparello e incluso rodas, son algúns dos elementos que retiraron do mar.

Plásticos, cristais, restos de aparellos e de cabos e incluso un cento de rodas. Son algúns dos elementos que ata esta mañá formaban parte dos fondos mariños do Grove.

350 persoas, entre mariscadores de a pé e poliqueteiros mobilizáronse nesta xornada de limpeza. Enmarcouse no proxecto ‘Mar sen lixo’, impulsado dende a Confraría de Pescadores San Martiño do Grove.

Para levalo adiante, o pósito recibiu unha achega de 116.000 euros a través das axudas a proxectos colectivos financiados polo Fondo Europeo e Marítimo da Pesca. O obxectivo: protexer e recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños.

Esta é a primeira xornada neste proxecto, pero non é a primeira vez que os profesionais do mar do Grove asumen tarefas de limpeza. Algo que incluso se converteu nun labor do seu día a día.

Dende a confraría non desbotan estender estas accións de limpeza ao colectivo de marisqueo a frote, implicando a todo o sector no coidado e recuperación do seu medio de vida.