A PDRA levará a Xunta ao xulgado se non recibe a documentación da Mina de Touro

VILAGARCÍA> Os colectivos que se opoñen á Mina de Touro dan un ultimátum á Xunta de Galicia. Hoxe entregaron dous escritos no concello de Vilagarcía volvendo a reclamar a documentación á que non tiveron acceso despois de meses agardando. Se en dez días non a reciben, levarán o caso ao Xulgado. Tamén esixirán a dimisión do Director Xeral de Minas.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa dá un ultimátum á Xunta de Galicia. Acompañada por todos os colectivos que se opoñen á reactivación da Mina de Touro, anunciaron que dan dez días á administración autonómica para que lles entregue a documentación solicitada.

Os colectivos presentaron dous escritos no concello de Vilagarcía volvendo a reclamar a documentación, e esixindo á Valedora do Pobo que tome medidas ao considerar que se vulneran os seus dereitos fundamentais.

A pesares de que xa se cumpre case un ano dende a súa primeira solicitude, ata o de agora só puideron acceder a unha parte dos documentos trasladándose ata a delegación territorial da Consellería de Industria da Coruña. Alí non puideron facer ningunha copia nin anotación.

Desconfían, ademais, que detrás desta falta de transparencia poidan existir cuestións que a Xunta prefira manter ocultas.