CAMBADOS> O comercio de Cambados pecha a campaña de inverno cun resultado non moi satisfactorio. Os comerciantes da vila queren incentiva-las vendas e para iso van lanzar en plena Semana Santa unha Feira de Oportunidades. Unha ducia de establecementos ofrecerán grandes descontos en roupa e calzado durante tres días no Salón Peña.
Metidos xa de cheo na primavera, os comerciantes de Cambados deixan atrás unha campaña invernal que non resultou tan boa como debera. O tempo non acompañou e, ademais, moitos din ver resenti-las súas vendas polo efecto das grandes áreas comerciais.
Dispostos a recupera-lo volume de vendas, a asociación de comerciantes Zona Centro lanza para Semana Santa unha feira de oportunidades. Do 29 ó 31 de marzo, o Salón Peña vai acoller un mercado no que os grandes descontos son os protagonistas.
A iniciativa dos comerciantes inclúe varias actividades paralelas, coa colaboración –por exemplo- de TDAH Salnés, unha asociación que traballa con persoas con hiperactividade ou déficit de atención.
O venres 30 vaise organizar tamén unha cata de viños moi especial: probaranse 5 caldos elaborados, cada un deles, nunha das 5 parroquias cambadesas.