CAMBADOS> A partir deste xoves a praza de Asorei, en Cambados, será peonil. O concello culmina así a reordenación do tráfico na contorna de Fefiñáns, iniciada hai agora cinco anos cando se pechara aos coches a praza. Din que con esta medida mellorarase a seguridade dos viandantes ao tempo que se recupera esa zona para o uso público. Na parte negativa, a peonalización de Asorei supón a eliminación de seis prazas de aparcadoiro. Con todo, o goberno local di que busca xa alternativas para recuperalas.
Será dende este xoves ás 9 da mañá cando os coches deixen de circular pola praza de Asorei. O Concello de Cambados converte este espazo en peonil cun dobre obxectivo: mellorar a seguridade e recuperar este espazo para as persoas. O peche supón unha reordenación do tráfico en toda a súa contorna. Culmínase deste xeito o plan de peonalización do barrio, iniciado no 2017 co peche da praza de Fefiñáns.
A reordenación do tráfico ten outras consecuencias. Haberá cambios na zona de carga e descarga e pérdense seis prazas de aparcadoiro. O concelleiro Abal di que buscará solucións para recuperalas.
Estes cambios xa foron trasladados aos comerciantes, logo dunha xuntanza que mantivo esta mañá Abal e o xefe da Policía Local con Zona Centro. Dende o colectivo de comerciantes, así e todo, din entender os motivos do peche.
Ao mesmo tempo, o concello abre a porta a modificar a ordenanza para que os vehículos de carga e descarga poidan acceder sen problemas á parte peonil, con independencia desa nova zona que se lles vai habilitar. Tamén se estudará a creación dunha nova área de aparcadoiro limitado a 20 minutos na zona da Avenida de Madrid.