O alcalde de Barro anuncia que vai declarar como investigado pola obra da piscina municipal

BARRO> O alcalde de Barro, citado a declarar como investigado polas obras da piscina municipal. Revelouno esta mañá o propio rexedor. Terá que comparecer o vindeiro martes nos xulgados de Caldas, a raíz dunha denuncia do PP que o nacionalista cualifica de “chapuza”. Abraldes está convencido de que o proxecto da piscina se executou de forma impecable e que así o avalan os técnicos municipais, os da Deputación e mesmo unha empresa externa de control de calidade.

A cita é o vindeiro martes ás 10 nos xulgados de Caldas. Alí terá que comparece-lo alcalde de Barro, investigado por un delito de prevaricación adminitrativa, pola denuncia presentada polo voceiro do PP, José Antonio Landín, polas obras da piscina municipal.

Esa denuncia foi presentada por José Antonio Landín a escasos días das eleccións municipais do pasado mes de maio. O popular entendía que se produciran sobrecustos na actuación e que eses cartos, ademais, saíran das arcas municipais.

O alcalde insiste en que o proxecto foi financiado integramente con cartos da Deputación. Pero os populares aseguran que houbo un desvío de fondos de ata 70.000 euros e mesmo partidas que se pagaron en dúas ocasións. Abraldes entende que o PP só busca sementar dúbidas sobre o proxecto que conta con tódalas garantías.

Abraldes difundiu un informe da Deputación no que se resume todo o acontecido coas obras da piscina e que, segundo indicou, desmontan as acusacións do PP. Nese documento indícase que o proxecto custou 293.000 euros e que, aínda que se fixo unha modificación, non se superou a cantidade prevista inicialmente, que era de 358.000 euros. O alcalde apuntou que a documentación lle dá a razón e que irá declarar tranquilo.

Canda o alcalde tamén está citado o aparellador municipal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí