O Pazo de Quintáns converterase no Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas

SANXENXO> O Pazo de Quintáns, en Sanxenxo, converterase no Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas. Esta mañá visitaron o monumento o alcalde da localidade, xunto co Delegado do Goberno en Galicia e a Presidenta da Deputación de Pontevedra. Na súa rehabilitación investíronse dous millóns de euros, con boa parte dos fondos procedentes do do executivo central.

De titularidade muncipal dende o ano 2006, o pazo de Quintáns, na parroquia sanxenxina de Noalla, ofrece hoxe a súa mellor imaxe. Despois de moitos anos de esperas, trámites e obras, o complexo monumental está preparado para inicia-la súa nova etapa. Neste proceso de rehabilitación investíronse dous millóns de euros, dos que o Goberno do Estado achegou 1.3 millóns. Esta mañá, canda o alcalde, visitaron este ben de interese cultural, o Delegado do Goberno en Galicia e a Presidenta da Deputación de Pontevedra.

As previsións do goberno local é transformalo no Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas. Para iso aínda resta equipa-las instalacións e acondiciona-los xardíns, traballos para os que o concello aínda non pon data. Pola súa banda, o delegado do Goberno, na súa primeria visita a Sanxenxo, puxo a restauración do pazo como exemplo de cooperación entre administracións que poñen, dixo, este patrimonio ao servizo da cidadanía.

Aproveitando a visita ao pazo de Quintáns, a Deputación presentou tamén o proxecto da senda peonil entre Noalla e A Lanzada, de máis dun quilómetro de lonxitude. A actuación seguirá o modelo de mobilidade sostible do goberno provincial.

Na zona do Pazo de Quintáns o proxecto contempla a creación dun espazo de convivencia, recuperando o lousado orixinal de granito. O proxecto, que sairá en breve a licitación, ten un orzamento que supera os 900.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí