Rianxo enchéuse de xouba

RIANXO> Centos de persoas achegáronse esta pasada fin de semana a Rianxo para poder degustar un dos produtos gastronómicos estrela da vila, como é a xouba.

A cita, organizada polo Concello e que chegaba este ano a súa 31 edición, incluíu un programa amplo e variado de propostas, con exposicións, espectáculos de rúa e concertos, aínda que o apartado culinario foi, como sempre, o máis destacado.

Primeiro co roteiro gastronómico ‘Un mar de tapas’, nos bares e restaurantes da vila, na que tomaron parte nesta edición un total de 11 locais, que prepararon este prezado peixe con receitas do máis variado que fixeron as delicias dos seus clientes.

Pero o acto máis destacado volveu ser unha vez máis a degustación popular no Campo de Arriba que reuniu a multitude de persoas.

Como é tradición nos últimos anos, dos fogóns encargouse a comisión de festas Virxe do Carme de Leiro, que preparou a xouba de catro formas diferentes: en escabeche, frita e en empanada. Cada cal mellor..

A programación completouse tamén coa exposición efémera ‘Rostros do noso mar’ no Pazo de Martelo, e actuacións  musicais de gaitas e danza tradicional.